Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Daniel Castro, o patrón maior de Muxía, leva o "premio" Dioxina 2023 de ADEGA

Daniel Castro Patron Maior de Muxia Premio Dioxina
Daniel Castro, Patron Maior de Muxía
Daniel Castro, o patrón maior de Muxía, leva o "premio" Dioxina 2023 de ADEGA

Aquelas impresentables declaracións en plena crise dos microplásticos en contra do movemento ecoloxista, fan que a entidade ADEGA lle dedique ao patrón maior de Muxía, Daniel Castro o Premios Dioxina 2023. Que un patrón de pesca fale así do seu mar, que aínda a día de hoxe siga dicindo que “o Prestige foi o mellor parón biolóxico” que viviu o noso mar, merece este desprestixioso galardón pola súa “actitude agresiva e contraria á defensa do territorio e do seu patrimonio natural e cultural”.

A entidade lamenta os insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas, nunhas declaracións, vertidas abertamente diante dos medios de comunicación, e ante a presenza do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que puxeron en evidencia un absoluto desprezo e falta de respecto deste representante do sector mariñeiro polo medio ambiente, polos seus compeñeiros e compañeiras de oficio, e pola sociedade galega no seu conxunto, a cal viviu co Prestige a súa peor catástrofe ambiental e social.

CCOO, outro Premio DIOXINA

Paralelamente o Premio Dioxina Colectivo 2023 recaeu no sindicato Comisión Obreiras (CC.OO.), por emprender xunto coa administración galega e o lobby eólico unha campaña pública de desprestixio e inxurias contra as organizacións ecoloxistas e os maxistrados do TSXG que están a resolver a paralización cautelar de numerosos polígonos eólicos ao atopar indicios de ilegalidade nos procedementos de avaliación ambiental.

Os bos premios

A entidade, pola banda positiva, outorga o Osíxeno Individual 2023 á outra cara do noso mar. O mediático mariñeiro de Porto do Son, Rogelio Santos Queiruga leva este galardón polo seu compromiso co seu mar, polo seu papel como divulgador e dignificador do mundo do mar. ADEGA valora o compromiso de Rogelio Santos cando asumiu a portavocía da plataforma contra a mina de Sanfins ou contra a actuación da Xunta na crise dos pellets, chegando a ser censurado pola TVG, que aproveitaba ata ese momento a súa capacidade de transmitir os mellores valores do noso mar.

Ademais, o Premio Osíxeno de Honra recaeu em Daniel López Vispo, referente do activismo ecoloxista galego e un dos membros de ADEGA máis prezados e admirados.
Tamén o Osíxeno Colectivo 2023 recae na Asociación Noia Limpa, por ser o primeiro colectivo en dar a voz de alarma pola chegada da marea de pellets de plástico ás costas galegas e tamén por ser o primeiro en organizarse grupos de voluntarios e voluntarias para proceder á retirada das bolas de plástico e concienciar á sociedade sobre os efectos destes pequenos plásticos nos areais e na biodiversidade litoral.

Comentarios