Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Volve “Baio ten a pelota” con descontos, ruta de pinchos, artesanía, moita música, actividades infantís e 1.400€ en premios

ruta-pinchos-baio-ten-a-pelota-2024
Volve “Baio ten a pelota” con descontos, ruta de pinchos, artesanía, moita música, actividades infantís e 1.400€ en premios

Case a totalidade dos establementos comerciais e hostaleiros de Baio e de A Piroga participan nunha nova edición de “Baio ten a pelota”, que se celebra os días 10, 11 e 12 de maio e que se inclúe dentro do plan de dinamización do comercio local promovido polo Concello de Zas.

Durante estes días os protagonistas serán os diferentes comercios, nos que atoparemos importantes descontos.

E tamén os bares e restaurantes da localidade que nos ofrecerán diferentes tapas a un prezo de 2,50€. En total participan 13 establecementos hostaleiros nos que poderemos degustar pratos como pementos recheos, tapas especiais, cazola de ovos con gulas, codillo, polo, raxo, pinchos morunos,… así como algúns pratos doces. 

“A gran cantidade de actividades organizadas ao redor deste evento fai que sexa un plan perfecto para todos os públicos”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

Animación na rúa

Durante a fin de semana - sábado e domingo - as rúas estarán cheas de animación. Coma sempre instalaranse ao longo da estrada principal diferentes postos de artesanía da zona. Tamén haberá inchables e obradoiros infantís na Praza Jorge Mira Pérez e moita música da que se encargarán Os Enxebres de Cabana, os membros da Asociación Cultural Adro, Os Petadores de Zas e as charangas O Rumbo de Sardiñeiro e Os Celtas. Para facilitar a mobilidade entre os locais un tren turístico percorrerá a vila en horario de mañá e de tarde. 

O sábado á noite continúan as actividades cunha obra de teatro que se representarán no Auditorio de Baio e que se inclúe dentro da VII Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada tamén polo Concello de Zas. Nesta ocasión, Gargallada Teatro de O Barco de Valdeorras traénos unha comedia para todos os públicos que leva por título “Crónica dun pobo”. A cita é as 21:00 horas

E como vén sendo habitual, entre todas as compras e consumicións realizadas nos establecementos particpantes realizarase un sorteo de 1.400€ que se repartirán en vales de 200€.

Comentarios