Sábado. 04.05.2024
El tiempo

A Subdelegada do goberno celebrou o Día do Libro no Hotel Literario Bela Fisterra

Visita ao Hotel Bela Fisterra
A Subdelegada do goberno celebrou o Día do Libro no Hotel Literario Bela Fisterra

Veu ata a Costa da Morte, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para celebrar o Día do Libro no único hotel literario de Galicia, o hotel Bela de Fisterra, un establecemento hostaleiro que dedica as súas habitacións a obras da literatura universal e escritores e escritoras consagrados.

Aproveitou para para facer un chamamento ás entidades sen ánimo de lucro a concorrer ás axudas para fortalecer a industria editorial que vén de convocar o Ministerio de Cultura e que se poden solicitar ata o vindeiro 14 de maio.

Rivas lembrou que nos últimos tres anos Galicia logrou cinco premios nacionais de Literatura: Xesús Fraga (2021) e Marilar Aleixandre (2022) na categoría de Narrativa; Ismael Ramos, premio nacional de poesía xoven “Miguel Hernandez” (2022); Paula Carballeira en Literatura Dramática (2023) e Yolanda Castaño en Poesía (2023), o que sen dúbida amosa a gran calidade da creación literaria das nosas autoras e autores.

Precisamente, Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Nacional de Narrativa no 2022, será a protagonista dun acto de homenaxe por parte do hotel Bela, que dedicará á súa obra a habitación Marea Viva, a única das 16 habitacións que varía a súa temática e que se dedica a unha estrela literaria contemporánea que logo de aloxarse nese cuarto, se inspira, crea e agasalla coa súa obra ao hotel para dotar de contido ese espazo, un acto ao que asistirá a subdelegada do Goberno.

Ademais a subdelegada lembrou que o Bono Cultural Xove do Goberno estará dispoñible para os mozos que cumpran os 18 anos neste 2024 nos vindeiros meses. En concreto, repartiu 400 euros, dos que a metade eran para gasto en artes vivas, patrimonio cultural e audiovisuais; 100 euros para produtos culturais en soporte físico como libros, revistas, prensa, videoxogos ou discos, e outros 100 euros para consumos dixitais, como subscricións a plataformas de música, audiolibros, prensa dixital, videoxogos online ou descarga de pódcasts, entre outros.

Comentarios